Friday 03 de May de 2024

A Xunta finaliza a primeira edición da Liga Galega de Break, que contou con 62 participantes e dez sedes


― Leváronse a cabo dúas categorías: iniciación e avanzada

― Participaron mozos e mozas das catro provincias, a maior parte deles foron de Vigo, Santiago e da Coruña

― En iniciación gañou a ourensá Alicia Babarro, de 10 anos, e en avanzado o vencedor foi Sergio Perol, de Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia rematou a primeira edición da Liga galega de Break que contou coa participación de 62 mozos e mozas de máis de 6 anos de idade e que se celebrou en dez sedes repartidas por toda a comunidade.

Esta competición está conformada por dúas categorías, unha de iniciación e outra de avanzado. Deste xeito, na categoría de iniciación participaron 37 persoas e a gañadora foi a ourensá Alicia Babarro de 10 anos; en segundo lugar quedou Paula Costas, de Vigo; e o terceiro posto foi para Ismael Borrallo, da Coruña.

No nivel avanzado, no que participaron 25 persoas, o gañador foi o compostelá Sergio Perol; seguido en segunda posición por Artur Lago, tamén de Santiago e de terceiro David Amor, da localidade coruñesa de Neda, e de tan só 14 anos.

Cómpre destacar que nesta primeira edición formaron parte mozas e mozos das catro provincias, aínda que a maior parte deles foron de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. Ademais delas, tamén houbo participantes de Ourense, Pontevedra, Lugo, Ames, Poio, Teo, O Carballiño, Neda, A Cañiza, Cambre, A Estrada, Culleredo, Redondela, Verín, Santa Comba e Viveiro.

As sedes das competicións foron: A Coruña, Santiago de Compostela, Noia, Lalín, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Ourense, Lugo e Viveiro.

Formación
Cada evento da liga acolleu tamén un taller formativo para achegar esta disciplina ao público. Nestes obradoiros participaron ao redor de 150 persoas. Así mesmo, para levar adiante esta iniciativa que tivo tan boa acollida, a Liga Xunta de Galicia de Break 2021 empregou a 15 profesionais especializados que formaron parte do staff como xurado, presentadores, pinchadiscos, produtores e formación.

Un deporte olímpico
Unha importante novidade, que achega outro punto a favor nesta competición é o que Breaking debutará como deporte olímpico nos Xogos de París 2024. Isto indica un proceso de inclusión deste tipo de actividades no programa olímpico, que vén enmarcado nunha tendencia de expansión dos deportes urbanos por todo o mundo, xa que o Skate, o BMX e o Basket 3×3 tamén tiveron o seu debut como deportes olímpicos nos Xogos de Tokyo 2021.